Wednesday 08 de May de 2024

A práctica do Aikido chega a Ordes


A asociación Enfeitizados ten aberto o prazo de inscrición para nenos, nenas e persoas adultas. As clases impártense os martes e xoves pola tarde no local social de Merelle

A asociación Enfeitizados mantén aberto o prazo para inscribirse nas clases de Aikido. Grazas a esta asociación dende hai escasos meses por primeira vez pódense aprender as técnicas desta arte marcial en Ordes.

As sesións impártense no local social de Merelle (antiga escola unitaria) e van dirixidas tanto a un público infantil (a partir de 6 anos) como adulto. Teñen lugar os martes e xoves de 16.30 a 17.30 horas e de 17.30 a 18.30 horas no caso dos nenos e nenas, e no das persoas adultas de 18.30 a 20 horas e de 20.30 a 22 horas. As persoas que queiran apuntarse ou obter máis información deben chamar ao teléfono 630723431.

A práctica do Aikido está baseada en formas estándar de exercicio combinadas con movementos de ataque e defensa que redireccionan a forza do opoñente. Non é necesaria unha excesiva forza física para derivar o impulso do atacante, ao valerse da propia enerxía deste para combinala con outras técnicas de derrubamentos, luxacións e inmobilizacións.